- Celia Pérez. Neuróloga. CHUAC
- Clara Domínguez. Neuróloga. CHUS
No momento actual non dispoñemos de ningún tratamento farmacolóxico que deteña ou frene a enfermidade, por tanto, os obxectivos actuais do tratamento son mellorar a calidade de vida do paciente e a súa contorna.
Hai catro medicamentos aprobados en España para o alivio de síntomas que afectan á memoria e ó pensamento nalgúns tipos de demencia:
- donepezilo
- rivastigmina
- galantamina
- memantina
Estes tratamentos só son eficaces para persoas con enfermidade de Alzheimer, demencia con corpos de Lewy, demencia por enfermidade de Parkinson e demencia mixta que implique calquera destes tipos. Aínda non existen medicamentos específicos que melloren os síntomas da demencia vascular ou a demencia frontotemporal.
Estes medicamentos só se receitan a persoas con diagnóstico de demencia. Non axudan ás persoas que teñen deterioración cognitiva leve (DCL), aínda que se sospeite que vaian evolucionar a demencia, xa que os estudos non demostraron que teñan efecto nas fases máis iniciais da enfermidade.
Que son e cando se usan?
O donepezilo, a rivastigmina e a galantamina pertencen a un grupo de medicamentos chamados inhibidores da colinesterasa (ou acetilcolinesterasa) e todos actúan de forma similar, aumentando a concentración dun neurotransmisor (acetilcolina) no cerebro. Úsanse dende fases iniciais de demencia.
A memantina funciona de forma diferente, diminuíndo a sensibilidade das neuronas a un neurotransmisor tóxico, e úsase cando a enfermidade avanzou un pouco máis e se atopa en fase moderada ou avanzada.
Que efectos positivos podemos esperar?
Os medicamentos para a memoria e o pensamento axudan a algunhas persoas máis que a outras. Nalgunhas persoas con enfermidade de Alzheimer que toman un inhibidor da colinesterasa durante seis meses constátase unha melloría leve da memoria e o pensamento, pero ata 8 de cada 10 persoas non notan ningunha diferenza. Non é posible saber de antemán se os síntomas dunha persoa mellorarán co tratamento, xa que cada persoa responde de forma diferente.
Teñen efectos secundarios?
Como todos os medicamentos poden asociar efectos adversos. Principalmente o grupo dos inhibidores da acetilcolinesterasa pode producir molestias dixestivas e pode alterar o ritmo cardíaco, polo que están contraindicados nalgúns casos. Dado que o beneficio que producen é lixeiro, debe valorarse se paga a pena tomalos en caso de efectos secundarios.
Que pasa se non os podo tomar ou non me fan efecto?
Os medicamentos nunca deben considerarse a única fonte de esperanza. A información e o asesoramento, as actividades, o apoio social e os tratamentos que non implican medicación son igual de importantes para axudar a unha persoa para vivir ben.
Non hai ningunha outra opción?
Hai tratamentos para controlar síntomas como a ansiedade, angustia, trastornos da conduta, insomnio... Para eles utilizaremos de maneira controlada outro tipo de fármacos (neurolépticos, antidepresivos, relaxantes, antiepilépticos) todo iso buscando a calidade de vida do paciente.

