- Taida Sánchez Rego. Neuropsicóloga. AGADEA
A estimulación cognitiva é un conxunto de actividades deseñadas para manter e mellorar o funcionamento mental das persoas. Céntrase en exercitar habilidades como a memoria, atención, linguaxe, orientación e funcións executivas (como a planificación e o razoamento) a través de exercicios individuais, dinámicas grupais e debates. O seu obxectivo principal é conservar as capacidades cognitivas existentes e retardar o deterioro, promovendo así unha mellor calidade de vida. Entre os programas máis efectivos atópase a Terapia de Estimulación Cognitiva (CST), que se basea na aprendizaxe implícita e a interacción social, mostrando resultados significativos na mellora da cognición e a comunicación.
Este tipo de terapia utiliza actividades que estimulan tanto o pensamento como a linguaxe, e demostrou ser tan eficaz como algúns tratamentos farmacolóxicos para mellorar a calidade de vida.
É o mesmo que un taller de memoria?
Aínda que a estimulación cognitiva e un taller de memoria comparten o obxectivo de mellorar habilidades cognitivas, non son exactamente o mesmo. A estimulación cognitiva está deseñada especificamente para persoas con deterioro cognitivo, mentres que os talleres de memoria adoitan dirixirse a persoas sas que desexan exercitar a súa memoria e manter a súa axilidade mental.
A estimulación cognitiva abarca unha gama ampla de habilidades cognitivas e sociais, promovendo a interacción e a comunicación entre os participantes. Deste xeito, búscase non só mellorar a memoria, senón tamén fomentar a conexión social e o benestar emocional, aspectos fundamentais para a calidade de vida de quen enfronta o deterioro cognitiva.
En que me pode axudar?
A estimulación cognitiva ofrece múltiples beneficios que impactan positivamente na vida diaria. Entre os seus obxectivos inclúense estimular e manter as capacidades mentais, incrementar a autonomía persoal e fomentar as relacións sociais. Aínda que non cura a demencia nin erradica as dificultades cognitivas, pode axudar a frear ou retardar o deterioro cognitivo, o que é fundamental para preservar a calidade de vida da persoa afectada.
Ademais, esta práctica pode mellorar a autoestima, reducir o estrés e optimizar o rendemento cognitivo. Tamén crea unha contorna que estimula o razoamento e a actividade motora. Isto non só mellora o desempeño en tarefas cotiás, senón que tamén axuda a evitar o illamento social e potencia as relacións interpersoais, elementos crave no benestar xeral.
En resumo, a estimulación cognitiva pode ser unha ferramenta valiosa para quen enfronta desafíos cognitivos, mellorando a súa calidade de vida, a dos seus familiares e fomentando unha maior conexión social.
Todo o mundo poder ir a estimulación cognitiva? En calquera fase da enfermidade?
A estimulación cognitiva é especialmente efectiva nas fases leves e moderadas da demencia, onde algunhas capacidades cognitivas aínda están preservadas. Nestas etapas, as persoas poden beneficiarse de actividades que estimulan as súas habilidades cognitivas, o que lles axuda a manter a funcionalidade e a autonomía. En fases avanzadas, pode ser menos efectivo continuar coa estimulación cognitiva convencional, xa que as capacidades poden estar severamente alteradas. Nestes casos, pode ser útil enfocar a estimulación a nivel sensorial.
É importante destacar que realizar actividades cognitivamente estimulantes é beneficioso en calquera etapa da vida. Manterse mentalmente activo ao longo dos anos contribúe a desenvolver unha maior "reserva cognitiva", o que axuda a afrontar mellor os cambios asociados tanto co envellecemento normal como co patolóxico. Así, a estimulación cognitiva convértese nunha práctica recomendable ao longo do ciclo vital.
Canto tempo hai que dedicarlle?
Para persoas con deterioro cognitivo leve a moderado, suxírese participar en sesións de estimulación cognitiva tres veces á semana, cunha duración de aproximadamente unha hora por sesión. Isto permite un equilibrio adecuado entre a práctica e a asimilación das actividades, o que pode maximizar os beneficios.
Doutra banda, para persoas sas que buscan manter a súa axilidade mental, o ideal son dúas sesións semanais de entre unha hora e unha hora e media.
Pódese facer na casa?
Si, a estimulación cognitiva pódese realizar en casa e non sempre require a intervención dun profesional. Aínda que é recomendable contar con guías especializadas que propoñan actividades adecuadas, tamén se poden implementar exercicios cotiáns que sexan significativos para a persoa. Actividades como xogos de mesa, lecturas, ou conversacións sobre temas de interese poden ser formas efectivas de estimular a mente.
Ademais, existen aplicacións dixitais profesionalizadas que permiten realizar exercicios de estimulación cognitiva de maneira independente en casa.
Con todo, combinar exercicios no fogar con sesións grupais fora do domicilio potencia tanto os beneficios sociais como os cognitivos. A interacción nunha contorna grupal pode ser moi enriquecedora, mentres que as actividades en casa poden adaptarse aos gustos e habilidades individuais, facilitando así unha rutina estimulante e agradable. En resumo, un enfoque que combine ambas as contornas sería o ideal.
E se o meu familiar non quere ir? Como animalo?
É fundamental resaltar que a estimulación cognitiva non só é unha actividade de aprendizaxe, senón tamén unha oportunidade para socializar. Podes explicarlle que participar nestas sesións significa saír, interactuar con outras persoas e gozar dun ambiente positivo.
Ademais, comparar a estimulación cognitiva co exercicio físico pode ser útil; así como se adéstra o corpo para manterse forte, tamén é importante "adestrar" o cerebro.
Anímalle a probalo durante un tempo, asegurándolle que non se trata de obter un rendemento perfecto, senón de gozar do proceso e manter a flexibilidade mental. Co apoio da familia e profesionais, pode sentirse máis cómodo e motivado para participar.




