Teño deterioro cognitivo leve

  • María José Moreno. CHUVI
  • Clara Domínguez. CHUS

Que é o deterioro cognitivo?

Deterioro cognitivo leve refírese a que hai certa perda de capacidades cognitivas respecto ao esperable para unha persoa da súa idade e nivel de formación (menos memoria, menos capacidade de pensar ou calcular, menos habilidades espaciais...) que podemos obxectivar nas probas (tests) que facemos na consulta. No deterioro cognitivo leve esta perda de habilidades é lixeira e non condiciona a capacidade da persoa para desenvolver a súa vida como facía antes.

Quere dicir que teño demencia?

Non, o deterioro cognitivo leve, a diferenza da demencia, non afecta á capacidade das persoas para desenvolver a súa vida con normalidade (o que chamamos capacidade funcional). Ás veces o deterioro cognitivo leve é consecuencia de enfermidades ou procesos que non teñen que ver con enfermidades neurolóxicas, por exemplo:

  • Certos tratamentos (sedantes para durmir, tratamentos psiquiátricos…)
  • Cansazo
  • Falta de sono
  • Sobrecarga de traballo ou responsabilidades
  • Dor crónica
  • Depresión ou ansiedade
  • Alteracións metabólicas como, por exemplo, enfermidades do tiroides
  • Cambios hormonais … e outros moitos.

Outras veces, o deterioro cognitivo é o comezo dunha enfermidade neurodexenerativa coma o Alzheimer ou outras.

Quere decir que vou ter demencia ou Alzheimer?

Non sempre. Algunhas persoas con deterioro cognitivo melloran, outras quedan así e outras empeoran co tempo e desenvolven demencia. É difícil saber como vai evolucionar cada persoa. A determinación de biomarcadores en líquido cefalorraquídeo pode axudar a saber que casos van evolucionar a demencia.

Podo tomar algún tratamento para que non vaia a máis?

Neste momento non hai ningún medicamento aprobado no deterioro cognitivo leve porque ningún demostrou mellorar o problema ou reducir o risco de empeorar. Cando os biomarcadores de Alzheimer son positivos, algúns médicos poden decidir empezar o tratamento, aínda que sendo estrictos non está indicado neste caso por non terse demostrado que mellore o pronóstico.

Son eficaces as vitaminas para a memoria?

Non existe evidencia de que ningún suplemento vitamínico mellore o deterioro cognitivo leve ou evite o empeoramento dos síntomas. Os estudos realizados ata o momento non atoparon diferenzas na evolución das persoas que toman vitaminas respecto a as que non as toman.

Hai algo que poda facer para non ir a peor?

O primeiro, con axuda dos profesionais sanitarios, identificar se hai algún factor ou problema de base que poida estar a causar o deterioro cognitivo leve e poñerlle remedio (por exemplo, tomar tratamento para a tiroides se non funciona ben ou tratar unha depresión). Ademais, pódese mellorar o estilo de vida para contribuír á saúde cerebral.

Modificar algúns costumes e certas cousas da contorna pode contribuír a mellorar a situación. Hai determinados cambios no estilo de vida que poden previr a demencia e que todos podemos aplicar:

  • Manternos intelectualmente activos (ler, música, xogos, manualidades, coidado da casa, plantas e animais…) con actividades que nos gusten e nos fagan pensar cada día.
  • Manternos socialmente activos (buscar a compaña dos demais, conversar e desenvolver actividades en grupo).
  • Realizar exercicio físico adaptado á idade.
  • Controlar os factores de risco vascular con axuda do médico de cabeceira.
  • Evitar o tabaco e o alcol.

No caso do deterioro cognitivo leve  leve, o exercicio físico  ten demostrado certa eficacia en ensaios clínicos. Tamén é moi recomendable buscar un servizo específico de estimulación cognitiva para traballar con profesionais aquelas capacidades cognitivas que temos máis afectadas e contribuír a mantelas máis tempo. Neste sentido nos últimos anos xurdiron grupos de lecer, actividade física e estimulación cognitiva para persoas da terceira idade. Pode buscar recursos próximos no noso directorio de servizos presenciais.

Teño que volver ó médico?

Si, debe manter un seguimento co profesional sanitario que se lle indique, que pode ser o especialista ou o seu médico de cabeceira, para comprobar se o problema vai a máis co tempo.