Demencia por corpos de Lewy

  • Ester Suárez. Neuróloga. CHUF
  • Clara Domínguez. Neuróloga. CHUS

A enfermidade con corpos de Lewy é unha forma de demencia, a segunda máis frecuente despois do Alzheimer en maiores de 65 anos. Nesta enfermidade, as proteínas depositadas no cerebro non son amiloide e tau, senón alfa sinucleína que se acumula nas neuronas formando os chamados corpos de Lewy.

Como se diagnostica?

Para diagnosticala baseámonos no que contan o paciente e os seus acompañantes (historia clínica), a exploración neurolóxica e tests neuropsicolóxicos (onde vemos que aspectos cognitivos están máis danados) e os achados en probas de imaxe (TC ou RM). En raras ocasións pódese solicitar algunha proba máis para reforzar a sospeita ou descartar outras opcións.

 

É hereditaria?

Aínda que existen algúns casos de herdanza xenética, a maioría dos pacientes con demencia con corpos de Lewy non teñen antecedentes familiares.

 

En que se diferencia do Alzheimer?

Na demencia por corpos de Lewy hai síntomas característicos:

  • Afectación da atención e as funcións visuoespaciales antes que a memoria.
  • Presenza de alucinacións visuais
  • Síntomas de Parkinson, con alteracións do movemento como rixidez, lentitude ao camiñar ou tremor.
  • Trastorno de conduta do soño REM (TCSREM): pode aparecer moitos anos antes, consiste en movementos moi bruscos, coma se estivese esperto mentres se dorme.
  • Fluctuacións: hai días, ou momentos do día, nos que o paciente parece estar moi lúcido, e outros nos que presenta somnolencia marcada sen causante aparente.
  • Sensibilidade a fármacos antipsicóticos: ao tomar fármacos “tranquilizantes” poden ter unha reacción esaxerada e quedar durmidos durante horas.

É o mesmo que o Parkinson?

Non, aínda que teñen moitas cousas en común e as proteínas que se acumulan no cerebro son as mesmas, na demencia con corpos de Lewy os primeiros síntomas son cognitivos, mentres que na enfermidade de Parkinson os primeiros síntomas afectan o movemento e poden pasar moitos anos ata que aparezan síntomas cognitivos.

Ten tratamento?

Algúns dos tratamentos do Alzheimer (inhibidores da acetilcolinesterasa) demostraron beneficio nestes pacientes, pero do mesmo xeito que no Alzheimer, non curan nin frean a enfermidade, só diminúen a intensidade dalgúns síntomas durante uns meses.

 

Cal é a evolución esperable?

Do mesmo xeito que o Alzheimer, é unha enfermidade dexenerativa, polo que os pacientes van empeorando progresivamente ata ser totalmente dependentes. Crese que a supervivencia pode ser lixeiramente menor que na enfermidade de Alzheimer e os pacientes adoitan presentar máis complicacións.