Demencia frontotemporal

  • José Ramón Lorenzo. Neurólogo. POVISA
  • Clara Domínguez. Neuróloga. CHUS

A demencia frontotemporal é a terceira causa máis frecuente de demencia e a segunda en persoas novas (antes dos 65 anos).

Segundo os seus síntomas distínguense 3 variantes:

Conductual

É a forma máis frecuente. Caracterízase por cambios na personalidade (desinhibición, falta de empatía, impulsividade, perda da capacidade de seguir as normas sociais…).

Afasia Semántica

Predomina a alteración da linguaxe, na que o paciente parece esquecer o significado das palabras.

Afasia non fluente

Predomina a alteración da linguaxe, pero neste caso si sabe o significado das palabras, o que lle custa é construír e entender frases complexas, usando cada vez unha linguaxe máis sinxela.

A medida que a enfermidade avanza vanse afectando outras áreas cognitivas e aparecen máis síntomas, de modo que ao final aféctanse tamén a memoria ou a capacidade de camiñar ou comer por si sós como no Alzheimer.

Como se diagnostica?

Ao diagnóstico chégase polos síntomas, non hai ningunha proba que nos diga que se trata desa enfermidade con seguridade. O médico, dacordo coa historia contada por familiares ou acompañantes e a evolución, chega a ese diagnóstico. A parte diso pódense pedir probas de radioloxía e ver se o tipo de atrofia cerebral é compatible coa enfermidade. A seguridade ao 100% só se ten tras facer unha autopsia ou naqueles casos nos que hai unha mutación xenética coñecida.

É hereditaria?

A demencia frontotemporal ten máis compoñente hereditario, de forma que na variante conductual, por exemplo, hai asociación familiar no 40% dos pacientes. En calquera caso, a non ser que se saiba que existe unha mutación concreta nunha familia, ter a enfermidade non implica que se vaia a transmitir seguro aos fillos.

 

Como evoluciona?

Como o Alzheimer, é unha enfermidade dexenerativa, é dicir, empeora de forma progresiva ata que os que a sofren son completamente dependentes para todas as actividades. En xeral, podemos dicir que evoluciona máis rápido que a enfermidade de Alzheimer.

Ten tratamento?

Nestes momentos non existen tratamentos que curen ou freen a evolución da demencia frontotemporal. Tampouco son útiles os tratamentos que se usan no Alzheimer. O único do que dispoñemos son tratamentos para reducir os síntomas (por exemplo, antipsicóticos en caso de condutas agresivas).