- José Ramón Lorenzo, Neurólogo. Povisa
- Clara Domínguez. Neurolóloga. CHUS
Aínda que a maioría das demencias son irreversibles, existen outras causas de demencia que se se detectan a tempo poden deterse ou reverterse. Na maior parte dos casos estas causas descártanse pola historia que conta o paciente e mediante a realización de probas sinxelas. Dentro destas atópanse as seguintes:
Hematoma subdural
É un tipo de sangrado no que o sangue se acumula ao redor do cerebro. Ás veces pode producir cambios cognitivos como único síntoma. A causa máis frecuente son os traumatismos, sobre todo en persoas de idade avanzada. O diagnóstico realízase cunha proba de imaxe (TAC ou resonancia magnética) e o tratamento é cirúrxico.
Déficits vitamínicos
A cianocobalamina (vitamina B12) e o ácido fólico (vitamina B9) son vitaminas necesarias para un correcto funcionamento do sistema nervioso e o seu déficit de forma crónica pode producir un mal funcionamento. O déficit de vitaminas diagnostícase cunha análise de sangue e o seu tratamento conséguese con suplementos orais e con cambios na dieta.
Consumo crónico de alcol
O alcol é un tóxico nocivo para o cerebro e o seu consumo crónico en altas cantidades adoita asociarse a problemas neurolóxicos. A abstención de bebidas alcohólicas e unha boa alimentación poden levar á recuperación do paciente.
Hidrocefalia normotensiva
No cerebro existen unhas estruturas a través das cales flúe o líquido cefalorraquídeo. Cando a absorción/oiminación deste líquido se ve alterada (por tumores, sangrados, infeccións…) este acumúlase de forma lentamente progresiva e provoca a aparición de deterioro cognitivo/demencia, acompañado habitualmente de alteración da marcha e de incontinencia urinaria. Esta enfermidade diagnostícase mediante a realización dunha proba de imaxe (TC ou resonancia magnética). Esta situación pode ser reversible cun adecuado tratamento que consiste na colocación dunha drenaxe que permita a evacuación do exceso de líquido.
Tumor cerebral
Aínda que os déficits cognitivos secundarios a un tumor cerebral son pouco frecuentes, algúns tumores pódense presentar cunha demencia, con cambios na personalidade, a linguaxe, alteracións da memoria e confusión.
Infeccións
Existen infeccións crónicas do sistema nervioso central entre cuxos síntomas se atopa o deterioro cognitivo. As infeccións crónicas do sistema nervioso poden diagnosticarse mediante probas en sangue e análise do líquido cefalorraquídeo.
Enfermidades autoinmunes
As encefalitis autoinmunes son enfermidades pouco frecuentes nas cales o noso corpo xera anticorpos anormais que atacan determinadas partes do cerebro, dando lugar a síntomas variados, habitualmente alteracións cognitivas e conductuais. De novo diagnostícanse mediante probas de imaxe a análises de sangue e líquido cefalorraquídeo.





