- Elena Viqueira. Terapeuta ocupacional e Psicóloga. AFACO
Que se adoita facer nunha sesión de terapia ocupacional?
As sesións deben estar adaptadas especificamente ás persoas que as reciben. Isto pasa por un profundo coñecemento da persoa, de cales son os seus intereses, que é significativo para ela; nun coñecemento da súa historia de vida. Só así se poderá planificar unha intervención centrada á persoa que a recibe. Unha persoa pode beneficiarse da estimulación cognitiva derivada, por exemplo, da súa participación nun Taller de Cinema, que implica o visionado dun fragmento seleccionado dunha película, para posteriormente establecer un debate sobre o mesmo, vinculándoo coa súa vida, ou respondendo a preguntas co obxectivo de traballar a memoria a curto prazo; se a película trata sobre unhas vacacións, por exemplo, enlazaríase con momentos da súa vida, nesa liña. Desta forma, están a traballarse capacidades a nivel mental, do mesmo xeito que cun caderno de actividades, pero realizando un exercicio que forma parte dos seus gustos e intereses. Outras técnicas de estimulación utilizadas desde Terapia Ocupacional, serían a actividade física, actividades asistidas con animais (realizar diferentes exercicios, utilizando a un can como facilitador), exercicios con música como elemento causante de recordos, actividades interxeracionais con nenos, Método Montessori adaptado a persoas con demencia en estadío grave, estimulación das capacidades necesarias para o desempeño das actividades da vida diaria (comer, ducharse, vestirse, ...), etc.
Trátase de realizar unha análise exhaustiva de cada persoa e deseñar un plan de intervención, axustado ás súas necesidades, gustos e intereses, co obxectivo de levar a cabo unha estimulación integral (cognitiva, física, emocional e social).
Son en grupo ou individuais?
Poden realizarse en grupo ou individualmente. As primeiras teñen a vantaxe do contacto con outras persoas, algo tremendamente relevante na demencia, que tende a illar a quen a padece. As sesións individuais adoitan ser máis adecuadas en fases avanzadas da enfermidade, cando a persoa perdeu a capacidade para comunicarse verbalmente, e é preciso traballar sobre outras áreas (física, emocional, sensorial).
É útil en calquera fase da enfermidade?
Si, en fases máis iniciais, de forma grupal, potenciando a socialización e as capacidades cognitivas. En fases máis avanzadas, a través dun traballo individual, a nivel físico, sensorial e emocional. Ademais, ao longo de todo o continúo da enfermidade, pode ser necesario realizar unha modificación, adaptación da contorna, do seu domicilio, para facilitar que sexa independente o maior tempo posible (por exemplo, adaptando un cuarto de baño) ou, en fases máis avanzadas, que o coidador poida realizar o seu labor da forma máis cómoda posible (por exemplo, cunha cama eléctrica, que eleva o cabeceiro, para axudar a que se levante).
Canto tempo hay que dedicarlle?
Non é posible definir un tempo exacto de aplicación, depende de cada persoa.
Pódese facer en casa?
As terapias deben ser aplicadas por un profesional. A familia xa está sometida a unha carga importante, a nivel emocional e de coidados, como para que ademais teñan que asumir a tarefa de realizar exercicios de estimulación. O terapeuta pode aplicar a terapia no domicilio (aquí non se beneficiaría do contacto con outras persoas) ou nun centro. Como se indicou anteriormente, a intervención individual, no domicilio, neste caso, está máis indicada en fases avanzadas da enfermidade.
E se o meu familiar non quere ir? Como animalo?
É importante transmitir normalidade, que vaia collendo a rutina, aos poucos. O ritmo de incorporación á terapia debe marcalo a propia persoa; isto é fundamental. Hai persoas que tardan semanas en incorporarse á rutina de terapia nun Centro, e outras en dous días xa están perfectamente adaptadas. É importante que a incorporación sexa gradual, ao seu ritmo e que os primeiros días non se produzan faltas. É mellor que acuda media hora ao Centro, todos os días, sen falta, durante unha semana, e despois ir incrementando o tempo, que o que falte os primeiros días. A rutina é fundamental.




