- María José Moreno. Neuróloga. CHUVI
- Clara Domínguez. Neuróloga. CHUS
A enfermidade de Alzheimer é unha enfermidade progresiva dexenerativa do sistema nervioso central que afecta ás neuronas. É a causa máis frecuente de demencia, pero non á única. O dano nas neuronas prodúcese porque se van acumulando unhas proteínas dentro e fora das neuronas, que as destrúen. A proteína que se acumula dentro das neuronas chámase amiloide e a que se acumula ó seu redor chámase Tau. Chega un punto que o acúmulo destas proteínas destrúe as redes neuronales que manexan a información da nosa memoria, a linguaxe, o coñecemento, a manipulación de obxectos, desexos, sentimentos, a conducta e o comportamento.
É o mesmo que demencia senil?
Non. O termo demencia senil é antigo, e xera moita confusión. Co termo demencia senil designábase a pacientes maiores de 65 anos que presentaban demencia. Nesa época críase que a causa eran os problemas circulatorios, pero despois de facer estudios viuse que a causa máis frecuente de demencia en maiores e menores de 65 anos era a Enfermidade de Alzheimer. De todas formas, a enfermidade de Alzheimer é unha das enfermidades que provoca demencia, pero non a única.
Que síntomas podo ter?
A forma máis habitual de enfermidade de Alzheimer empeza con síntomas de perda de memoria recente, para cousas do día a día, como unha cita médica, onde puxemos un obxecto ou o que comemos onte. Despois vanse deteriorando outras funcións como a linguaxe, a capacidade de planificar ou de resolver problemas.
Existen algunhas formas de Alzheimer distintas que chamamos variantes, e que son máis raras, nas que a enfermidade empeza por outras zonas do cerebro e con outros síntomas:
- Variante posterior: inicia con dificultades para ver e entender imaxes
- Variante frontal: inicia con cambios no carácter e a forma de ser
- Variante logopénica: inicia con dificultades para atopar palabras
Por que sospeita o médico que teño Enfermidade de Alzheimer?
O diagnóstico da enfermidade faise en base aos síntomas que conta o paciente e os seus familiares ou amigos. Ademais, fanse tests cognitivos na consulta para corroborar que efectivamente fallan algunhas funcións mentais, e adóitase solicitar unha análise de sangue (para descartar outras enfermidades que poidan influír) e unha imaxe do cerebro (para descartar outros problemas e ver que zonas do cerebro están afectadas).
Ás veces, se os síntomas son leves ou o diagnóstico non queda claro, pódense facer algunhas probas máis especializadas para chegar ao diagnóstico, pero non é o habitual: punción lumbar, unha resonancia ou mesmo probas de medicina nuclear.
É posible que no futuro próximo, de aparecer novos tratamentos, cambie o proceso diagnóstico, pero ata o momento este é o procedemento habitual.
Como evoluciona?
O Alzheimer é unha enfermidade dexenerativa, é dicir, que empeora de forma inexorable e progresiva. A persoa aos poucos non só vai perdendo os recordos ou a capacidade de recoñecer ou a capacidade para manipular, tamén vai perdendo a capacidade de tomar decisións e de actuar de maneira consecuente así como a capacidade de saber que, como, cando, onde e porqué se fai algo.
Cara á etapa final o paciente é completamente dependente para as actividades máis básicas da vida; sendo incapaz de camiñar, falar ou alimentarse por si mesmo.
Ten tratamento?
A enfermidade de Alzheimer ten tratamento farmacolóxico para reducir algúns síntomas durante un tempo, pero non existe ningún tratamento que cure ou frene a enfermidade.
Ademais, como en todas as demencias, é moi importante o tratamento non farmacolóxico.
Podes consultar máis detalles sobre os tratamentos nos apartados correspondentes.





