- Celia Pérez. Neuróloga. CHUAC
- Clara Domínguez. Neuróloga. CHUS
Son as demencias relacionadas con alteracións circulatorias cerebrais (ictus, hemorraxias, ou, o máis frecuente, o dano producido por anos de mala circulación cerebral)
É como o Alzheimer?
Non, é unha enfermidade diferente, tamén dexenerativa. En ocasións se asocia a Alzheimer e entón falamos de demencia mixta.
Que síntomas son típicos?
Os síntomas son moi variables, dependendo da zona do cerebro onde se produciu o dano circulatorio. En lugar de afectarse principalmente a memoria, aféctanse máis as funcións executivas (capacidade de pensar, resolver problemas, planificar…), a forma de andar e o estado de ánimo.
Como se diagnostica?
Pódese sospeitar pola historia que contan o paciente e os seus acompañantes, a exploración e o estudo neuropsicolóxico. Coa proba de imaxe cerebral ( TAC ou resonancia) poderemos ver as lesións vasculares , que zonas están danadas e canto dano hai.
É hereditaria?
Aínda que como todas as enfermidades, ten un compoñente de predisposición xenética, na demencia vascular inflúen moito máis os factores de risco modificables como o tabaquismo, a hipertensión, o colesterol e a diabetes.
Ten tratamento?
O máis importante no caso da demencia vascular é o control dos factores de risco vascular. Os fármacos que se usan no Alzheimer só se recomendan nos casos que combinan ambas as enfermidades.
Como evoluciona?
Como o resto das demencias o esperable é que se vaia empeorando ata unha situación de dependencia. No caso da demencia vascular a evolución pode ser máis graduada, alternando períodos de estabilidade con empeoramentos bruscos en relación á aparición de novas lesións circulatorias.





