Factores de risco

  • Ester Suárez. Neuróloga. CHUF
  • Clara Domínguez. Neuróloga. CHUS

Todas as persoas temos un determinado risco de ter demencia, pero en algúns de nós este risco é maior. Aos factores que aumentan as nosas probabilidades de padecela chamámoslles factores de risco.

Os factores de risco para a demencia son variados. Existen algúns sobre os que podemos actuar, chamados “modificables”, e outros que non dependen de nós, os “non modificables”.

Entre os factores de risco non modificables están:

Xenética

Aínda que a demencia de causa únicamente xenética é moi infrecuente, todos temos maior ou menor predisposición para desenvolver demencia segundo os nosos xenes (é dicir, na maioría dos casos os nosos xenes non determinan que a imos padecer, pero si poden aumentar ou diminuir o risco).

A idade

A máis idade, maior risco de demencia, e evidentemente non podemos evitar cumplir anos. Por exemplo, entre os 65 e os 69 anos 2/100 persoas padecen demencia, en cambio, pasados os 90, xa son 30 de cada 100 personas.

Sexo

As mulleres teñen máis risco de padecer demencia, pero non está clara a causa. Pode ser porque viven máis anos, por cuestións hormonais ou outros factores que aínda non coñecemos.

Baixo nivel socioeconómico

As persoas con menos recursos económicos normalmente teñen menos acceso a estimulación cognitiva e a coidados de saúde.

Entre os factores de risco modificables, é dicir, sobre os que podemos actuar, atopamos os seguintes:

A reserva cognitiva

É a capacidade dunha persoa de facer fronte á enfermidade cerebral. Pode mellorarse mantendo o cerebro activo durante toda a vida, facendo actividades cognitivas e mantendo relacións sociais. Unha persoa que teña moita reserva cognitiva tardará máis tempo en presentar os síntomas de demencia.

Factores de risco vascular

Hipertensión arterial, colesterol alto, diabetes, sobrepeso e falta de exercicio físico contribúen á rixidez das arterias e empeoran a circulación cerebral, aumentando o risco de demencia.

Problemas de audición

Cando hai problemas de audición a partir dos 40 anos aumenta o risco de ter demencia no futuro, probablemente porque a xordeira sen compensar fai que as persoas teñan menos vida social, e o esforzo para escoitar interfire con outros procesos mentais. Os estudos teñen demostrado que o uso de audiófonos reduce o risco de demencia.

Traumatismos encefálicos

Os golpes na cabeza repetidos, sobre todo se son importantes, aumentan o risco de demencia.

Depresión

Ter depresión ó longo da vida aumenta o risco. Ademais, cando aparece en idades avanzadas, a clínica depresiva pode ser un síntoma de presentación da propia enfermidade.

Dacordo coas investigacións, podemos reducir o noso risco ata nun 30% controlando os factores de risco modificables: controlando a tensión, o colesterol e o azúcar, levando unha dieta saudable, facendo exercicio habitualmente, tratando a xordeira e estimulando o noso cerebro.