Recursos en fases medias-avanzadas

  • Ana Díaz Cortés. Socióloga

Centros de día

Os centros de días son un recurso de atención diúrna para aquelas persoas que presentan algún grao de deterioración pero que aínda manteñen unha capacidade funcional que lles permite realizar algunhas actividades. Estes espazos ofrecen aos usuarios apoio e seguimento personalizado e un conxunto de terapias non farmacolóxicas enfocadas ao mantemento da autonomía desde o ámbito físico, cognitivo e funcional. Algúns centros ofrecen tamén servizo de transporte, enfermería ou podoloxía, entre outros.

Trátase dun dos primeiros recursos externos ao que acoden as familias porque vai axudar a que os pacientes sigan no domicilio o maior tempo posible supoñendo, á vez, un respiro para os coidadores.

Residencias

As residencias son centros que ofrecen unha atención integral e continuada durante as 24 horas do día. Supoñen unha alternativa ao fogar familiar cando conflúen unha serie de circunstancias (familiares, económicas, socio-sanitarias etc.)/ etc.) que desaconsellan a súa permanencia no domicilio, ou simplemente, cando o coidado en casa xa non é posible.

O ingreso nunha residencia adoita ter carácter permanente pasando a ser o domicilio da persoa. Hai centros residenciais que ofrecen estancias temporais durante as vacacións, fins de semana ou períodos de respiro familiar dos familiares.

As residencias ofrecen manutención, servizos médicos e de enfermería, estimulación e actividades sociais ou atención psicolóxica, entre outros.

Coidados a domicilio

Os coidados a domicilio son un conxunto de atencións domiciliarias co fin de dar cobertura ás necesidades básicas da vida diaria, de carácter doméstico e do fogar coa finalidade de incrementar o grao de autonomía persoal e calidade de vida, posibilitando a permanencia no seu domicilio.

É un servizo no que se adoitan apoiar as familias nas primeiras fases da enfermidade. En ocasións, hai familias que van ampliando este recurso para que o paciente sexa coidado en casa ata as fases finais da enfermidade.