Que fases ten a enfermidade?

  • María José Moreno. Neuróloga. CHUVI
  • Clara Domínguez. Neuróloga. CHUS

Moitas veces os pacientes ou os seus familiares pregúntannos en que etapa da enfermidade están. A enfermidade é un proceso continuo e cada caso evoluciona de forma diferente. A efectos prácticos no ámbito profesional úsanse algunhas clasificacións para, segundo os síntomas que presenta a persoa, situala en estadíos. Unha das máis usadas é a escala GDS. Estas clasificacións baséanse nas funcións para as que a persoa vai necesitando axuda ou nas que van aparecendo problemas. Situarnos nun estadío de deterioración non quere dicir que vaiamos permanecer así máis ou menos tempo, nin nos dá datos sobre como imos estar o ano que vén. Hai persoas que evolucionan moi rápido, outras máis amodo. Durante todo este proceso o paciente, ademais, pode sufrir infeccións ou outro tipo de enfermidades que modifican a evolución do mesmo ou que poden supoñer un empeoramento temporal da situación.