- Ana Díaz Cortés. Socióloga
Cando a unha persoa lle diagnostican unha demencia, as familias atópanse cunha dependencia no seo do fogar, en ocasións de maneira repentina, sen que lles dera tempo a establecer unha estratexia de primeiros coidados que lles dea unha marxe de adaptabilidade ao novo escenario.
A tarefa de coidar non é fácil e conleva case sempre a aparición de novas responsabilidades que debemos incorporar á nosa rutina e actividades habituais. O estrés continuo que con frecuencia sofren os coidadores, o esforzo físico e psíquico de estar constantemente coidando, a escasa valoración social do traballo de coidado e o illamento ou a perda de vínculos sociais son factores que inciden no desenvolvemento dunha síndrome asociada a o estrés do coidado que se denomina “Sobrecarga do Coidador”.
Dentro deste contexto, cobra especial importancia o autocoidado. O feito de que os coidadores se provean de coidados a eles mesmos é tan importante como os coidados que dispensan ao paciente, pois é a maneira óptima de mellorar as capacidades e cubrir as demandas que emanan da situación.
Consellos útiles
- Practicar o pensamento positivo.
- Hábitos de vida saudables: alimentación equilibrada, exercicio físico e descansar ben.
- Manter unha vida social activa: fomentar as relacións, divertirse, facer actividades, evitar o illamento social.
- Non descoidar o noso aspecto persoal.
- Estar informado e formado en aspectos da enfermidade.
- Buscar apoio cando se necesita.
- Manter unha boa organización e diferenciar o urxente do prioritario.
- Fixarse metas realistas e alcanzables.
- Vivir cada momento de coidado como un agasallo e unha oportunidade da vida.













