Síntomas comúns e como afrontalos

  • Ester Suárez. Neuróloga. CHUF
  • Clara Domínguez. Neuróloga. CHUS

Polo momento non temos tratamentos que frenen ou curen a demencia en calquera dos seus tipos, pero eso non quere dicir que non podamos tratar moitos síntomas asociados e mellorar a calidade de vida da persoa con demencia e do seu entorno. Algúns dos síntomas asociados máis comúns son:

Depresión (tristeza mantida)

É moi habitual presentar depresión como reacción ao diagnóstico de demencia, ou mesmo moitas veces a depresión pode ser o primeiro síntoma. A depresión asociada a Alzheimer ou calquera outro tipo de demencia debe tratarse, de modo que se se nota tristeza persistente nunha persoa con demencia ou deterioro cognitivo hai que consultalo co médico. A depresión empeora a calidade de vida e os síntomas da demencia. Coa mellora do estado de ánimo moitas veces se nota tamén certa melloría nos fallos de memoria e cognitivos, porque aumentan a motivación e a capacidade de concentración. O tratamento habitual son antidepresivos, e algúns tratamentos para o Alzheimer poden mellorar lixeiramente o ánimo. Tamén é moi importante mellorar o estilo de vida: buscar compañía doutras persoas, compartir as nosas preocupacións, participar en actividades de grupo e facer exercicio físico poden mellorar moito os síntomas de depresión.

Apatía

A apatía é a ausencia de motivación para facer cousas, normalmente a persoa pode estar sin facer nada moito tempo e non sae dela iniciar ningunha actividade. É un síntoma moi frecuente no Alzheimer e na demencia frontotemporal, aínda que de difícil tratamento. Algúns tratamentos do Alzheimer poden axudar. De novo, a participación en terapias non farmacolóxicas (estimulación, exercicio, actividades informais en grupo…) pode contribuír a mellorar este síntoma.

Insomnio

É un dos problemas máis frecuentes (aparece ata nun 75% das persoas con Alzheimer) e con maior impacto na calidade de vida do paciente e do coidador. É esencial manter unha boa hixiene do sono: horarios regulares de levantarse e deitarse, exposición á luz solar durante o día e estilo de vida activo, actividades tranquilas coa caída da noite e un espacio adecuado para descansar, evitar sestas longas durante o día… No caso de que isto non sexa suficiente debe consultarse co médico pois existen algunhas opción farmacolóxicas que poden axudar, aínda que hai que ter moito coidado cos tratamentos xa que ás veces empeoran os síntomas da demencia (por exemplo as benzodiacepinas tipo Lorazepam).

Inquietude/axitación/sundowning

É frecuente que en determinados estadios da enfermidade apareza certa inquietude da persoa, necesidade de moverse ou preocupación constante polo mesmo tema (por exemplo, desexo de volver á súa casa, aínda que xa estea nela). Estes síntomas adoitan concentrarse nas últimas horas do día, cando se acerca a noite. Poden resultar moi difíciles de manexar para a familia. Debe intentarse sempre reconducilos, mediante manobras de distracción, manter á persoa entretida e acompañada, permitindo ó paciente moverse e camiñar, si é o que precisa... Cando este síntoma se volve moi difícil de tolerar poden poñerse tratamentos farmacolóxicos para “calmar” ó paciente, pero estes deben ser o último recurso.

Agresividade

Algunhas persoas poden volverse agresivas en determinadas situacións ou fases da enfermidade. Moitas veces é unha resposta lóxica a algo que lles molesta (non saben onde están ou non recoñecen ós seus coidadores e se asustan). Cando a agresividade é repetida e interfire cos coidados debemos buscar axuda e instaurar tratamentos para reducila.

Deambulación

Algunhas persoas con demencia precisan camiñar de forma constante. É recomendable permitirlles moverse libremente nunha contorna segura, sempre que non lles supoña un risco físico. No caso de que sexa moi continuo e estean esgotados ou que constantemente se poñan en perigo debemos consultar co médico para reducir o síntoma con medicación.

Problemas coa dieta

A medida que avanza a demencia as persoas adoitan ir descoidando a súa dieta, esquecendo comidas, comendo sempre o mesmo... no caso da demencia frontotemporal poden comer sen control e ter preferencia por alimentos pouco saudables, coma doces ou comida rápida. Debemos supervisar a dieta e proporcionar alimentos sans para que non empeore a súa saúde xeral. En fases avanzadas poden aparecer problemas para tragar os sólidos e debemos ir pasando pouco a pouco a batidos.

Incontinencia

A incontinencia é a dificultade para controlar a saída da orina ou ás veces de feces. É importante non asumir de entrada que é un síntoma máis de demencia e descartar otros factores que poidan estar agravando o problema (infección de orina, problemas de próstata, medicamentos que inflúan no control da vexiga, diuréticos, etc... ). A incontinencia pode xerar moita incomodidade na persoa con Alzheimer e estrés nos coidadores. Algúns consellos para manexala son: o Programar visitas ó baño frecuentes para evitar escapes o Levar ropa doada de quitar e poñer o Reducir a inxesta de líquidos cara á noite o Non consumir produtos con cafeína ou alcol o Usar produtos de protección coma compresas para incontinencia ou pañais o Asegurar que o acceso ó baño sea doado e estea ben iluminado o Afrontar o problema con paciencia, humor e sen xulgar, fomentando a comunicación aberta sobre o tema